O viño galego convértese en embaixador do novo turismo
Un termo relativamente novo que engloba máis do que puidese parecer: enoturismo. Adegueiros, operadores turísticos, museos, entidades culturais, cidades e rutas do viño, establecementos especializados, centros do que xa se coñece como vinoterapia ou enoterapia, innovadores produtos derivados do viño? Todos eles son protagonistas do primeiro Salón de Enoturismo, Enotur 2009 que se celebra entre o 5 e o 8 de decembro no Recinto Feiral de Pontevedra, que tamén acolle multitude de actividades en torno ao viño e a gastronomía. Porque como ben tentan demostrar neste encontro, o seu obxectivo é ir máis aló de tomar unha copa de viño e todo o que vira ao seu ao redor, como a gastronomía, a música, o deseño ou as novas posibilidades que ofrece o fenómeno enoturístico.
Outra das súas pretensións é achegar ao público unha tendencia na que o viño e a gastronomía convértense "no fío condutor dunha nova forma de viaxar", segundo comenta o organizador de Enotur, Antonio Fafián. No primeiro día do salón, explica que "da uva extráese moito máis que viño" ,remitíndose ao amplo programa desta feira onde os visitantes poderán gozar de todo tipo de actividades paralelas.
Un dos principais atractivos constitúeno as sesións de vinoterapia con masaxes relaxantes nos que se utilizan derivados vinícolas, demostracións de catas, degustacións e outras actividades dirixidas a coñecer "a outra cara do viño", matiza Fafián.
En total, máis de cen empresas do sector converten Pontevedra na capital anfitrioa dun foro que se celebra por primeira vez na Península Ibérica -Portugal é o país invitado- co " cartel de presentación" do lbariño producido baixo a denominación de orixe Rías Baixas. Este viño é, tal e como afirmou o presidente da Deputación provincial, Rafael Louzán, un caldo branco galego do que o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, afirmou que "é o mellor do mundo, especialmente para comer marisco".
Data: 08/12/09 Fonte: www.xornal.com









